domingo, 23 de diciembre de 2012

lunes, 17 de diciembre de 2012

En decembro: a costa, a praia e as marismas

Durante o mes de decembro, no recuncho de Voz Natura da biblioteca, atoparedes o panel do hábitat da costa, a praia e as marismas. Cada vez que leves un libro da biblioteca para ler, daranche de regalo un dos seis cromos deste hábitat. Seguro que os coleccionades todos!


jueves, 13 de diciembre de 2012

Fragas do Mandeo en Sada y sus Contornos


Fernando Bandín, presidente da  Fundación Fragas do Mandeo e Carlos Silvar, integrante da Xunta Directiva da Fundación, visitaron o noso colexio o xoves 13 de decembro. Entre os dous diseñaron o álbum “Custodiamos a biodiversidade da natureza de As Mariñas" e os cromos que coleccionamos.
Coñeceron o noso colexio, visitaron o rincón de Voz natura na biblioteca e responderon a moitas preguntas que lles fixemos os nenos e nenas do segundo e terceiro ciclos de primaria. Contámoslles a nosa visita a Cecebre, falamos dos caranguexos americanos e as especies invasoras, dos sacos de lixo que sacamos do encoro e de como debiamos conservar a Natureza. Preguntámoslles cales foron os animais máis curiosos que observaron, cal foi o animal máis rápido que viron, como deseñaron o álbum e os cromos, en que consiste a custodia do territorio, cantas fincas ten a Fundación Fragas do Mandeo, por que teñen nomes en latín as plantas e os animais, interesámonos por Dona a mascota da Fundación,…
Fernando e Carlos despedíronse, démoslles as grazas pola súa visita, e prometeron en volver ao noso centro para participar nas actividades do proxecto Voz Natura.



martes, 11 de diciembre de 2012

Dona, a mascota de Fragas do Mandeo

A que non sabedes por que Dona é a mascota de Fragas do Mandeo? Buscade a resposta na web de Fragas do Mandeo.
Unha pista: Buscade a data e lugar de nacemento de Dona.
Se atopades a resposta mandádea ao correo electrónico da Fundación correo@fragasdomandeo.org

martes, 27 de noviembre de 2012

Reparto do álbum e dos cromos

O álbum de cromos "Custodiamos a biodiversidade da natureza de As Mariñas", deseñado pola Fundación Fragas do Mandeo coa colaboración do ilustrador Carlos Silvar, repatiuse a todas nenas e nenos do centro. Os cromos iranse entregando na biblioteca cada vez que se retire un libro de lectura. O reparto do álbum foi todo un éxito. A afluencia de lectores incrementouse notablemente. Tamén se instalou o rincón Voz Natura onde se poden ver as páxinas do álbum das que se están a distribuír os cromos. Cada mes repartiranse os cromos dun dos cinco hábitats que compoñen esta publicación. Neste rincón tamén poderedes atopar guías da natureza e diversas publicación e información ambiental. Animamos a alumnos e profesores do CEIP Sada y sus Contornos a coleccionar os 30 cromos.

Custodiamos a bidiversidade do territorio de As Mariñas

jueves, 15 de noviembre de 2012

O encoro de Cecebre


Dentro do programa Voz Natura, patrocinado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, os alumnos do segundo ciclo de educación primaria visitamos Cecebre.
Chegamos a aula da Natureza de Crendes (Abegondo) e alí Carmen Iglesias explicounos a historia do encoro de Cecebre e as características dun hábitat de lagoa. Soubemos que é un espazo protexido que forma parte da Rede Natura 2000 cun alto valor ecolóxico. Nel podemos atopar numerosas aves.
Informounos das especies que viven todo ano neste lugar e das que visitan este espazo e que veñen desde moi lonxe. Tamén puidemos saber do perigo que supoñen as especies invasoras e as actuacións que debemos facer para protexer o medio.
Con esta visita démonos conta de que debemos ser máis coidadosos co medio e non tirar lixo en calquera lugar e moito menos nun encoro do que bebemos a auga todos os días.
Noticia publicada na Voz de Galicia.

Ver O encoro de Cecebre en un mapa más grande

lunes, 12 de noviembre de 2012

Fundación Fragas do Mandeo


Fragas do Mandeo é unha entidade de custodia do territorio que ten como fin a preservación da biodiversidade na bisbarra coruñesa das Mariñas (Galicia, España).
Coa adquisición de terreos de interese ambiental mediante compra, doazón ou legado, e a través de acordos cos propietarios de parcelas, baixo aluguer ou cesión temporal, buscamos conservar os espazos naturais desta bisbarra.
Actuamos localmente, pero pensamos globalmente. Custodiamos os bosques para veciños e visitantes, para as xeracións presentes e as vindeiras. É o noso modo de coidar o planeta. Colabora connosco!

A custodia do territorio


A custodia do territorio promove a participación dos cidadáns na conservación do contorno e o patrimonio, complementando así o labor de gobernos e administracións públicas á hora de afrontar estes retos da nosa sociedade. Porque é fundamental facer fronte á perda de valores tradicionais do territorio, tales como a diversidade de especies, a heteroxeneidade de paisaxes e as actividades compatibles co medio natural, que dan lugar aos beneficios e servizos asociados dos que todos nos beneficiamos.
A custodia do territorio defínese como o conxunto de estratexias diversas (de educación, de xestión, de mediación, de desenvolvemento comunitario...), que pretenden favorecer e facer posible a responsabilidade na conservación e uso adecuado (sostible) do espazo terrestre, fluvial e mariño e dos seus recursos naturais, por parte de propietarios e usuarios deste territorio, e diríxese principalmente á propiedade privada.
A custodia é un conxunto de ferramentas para a xestión de territorio que axudan desde fai anos ás organizacións sociais e ambientais a conservar a diversidade biolóxica, a paisaxe e o patrimonio cultural de lugares concretos, xa sexan públicos (concellos) ou privados (particulares). Deste xeito garántese que os usos e actividades que leven a cabo nestes lugares sexan respectuosos co contorno.

Biodiversidade


O Cumio da Terra celebrado por Nacións Unidas en Río de Xaneiro en 1992 recoñeceu a necesidade mundial de conciliar a preservación futura da biodiversidade co progreso humano segundo criterios de sustentabilidade promulgados no Convenio Internacional sobre a Diversidade Biolóxica que foi aprobado en Nairobi o 22 de maio de 1992.
O valor esencial e fundamental da biodiversidade reside en que é resultado dun proceso histórico natural de gran antigüidade. Por esta soa razón, a diversidade biolóxica ten o inalienable dereito de continuar a súa existencia. O home e a súa cultura, como produto e parte desta diversidade, debe velar por protexela e respectala.
Ademais a biodiversidade é garante de benestar e equilibrio na biosfera. Os elementos diversos que compoñen a biodiversidade conforman verdadeiras unidades funcionais, que achegan e aseguran moitos dos “servizos” básicos para a nosa supervivencia.
Finalmente desde a nosa condición humana, a diversidade tamén representa un capital natural. O uso e beneficio da biodiversidade contribuíu de moitos xeitos ao desenvolvemento da cultura humana, e representa unha fonte potencial para atender ás nosas necesidades futuras.
Considerando a diversidade biolóxica desde o punto de vista dos seus usos presentes e potenciais e dos seus beneficios, son moitos os argumentos e motivacións que temos tanto ecolóxicos como científicos e económicos.