viernes, 25 de enero de 2013

Nova pregunta de Dona

Esta pregunta podes atopala neste enlace: http://www.fragasdomandeo.org/voz-natura/


Fotografía de Dona

¡Ola rapaces!
Recibín un lote de respostas acertadas. ¡Seica estades moi ben informados! Aínda que a Maki non lle guste dicilo, porque é moi orgullosa, realmente é unha gata doméstica abandonada no monte co seu irmán, cando eran pequeniños.
Os verdadeiros gatos monteses son moi difíciles de atopar. Cando notan que se achega alguén, foxen silandeiros sen que ninguén se decate. E as nais coidan moi ben dos seus fillos, escondéndoos onde ninguén os atope. Podedes ver algunhas fotos neste enlace.

Fotografía de MakiAdemais, para que Maki se parecera de todo a un gato montés tiña que ser moito mais corpulenta. Aínda que ten a cola con aneis e a punta negra como un gato montés, para ser igual que a deles tería que ser máis gorda e peluda. E tamén lle falta a raia negra ó longo de todo o lombo. Aparte de que, se nos fixamos ben, Maki ten algunhas manchas amarelas que non son propias dun verdadeiro gato montés.
Así que, por moi chuliña que se poña, Maki Rabuda non é máis cunha gata doméstica. Xa me gustaría a min vela cando se cruzase cun auténtico gato montés. ¡Co medo que ía coller, ía vir correndo a xunta min para que a defendese!
Fotografía de MakiNon sei vós, pero eu levo uns días aburrida de que non pare de chover. ¡Xa teño gañas de volver a correr polo monte! A Maki non lle importa: pasa todo o día durmindo. Sóbese a un sillón preto do radiador e, ¡ale!, a durmir até a hora de comer. E, ¡ollo!, que ninguén a moleste.
Mentres non mellora o tempo, para non aburrirnos vou poñervos unha nova pregunta da que teredes que investigar a resposta. Moita xente cre que hai que esperar á primavera para ver flores, pero non é certo. De feito, neste tempo xa hai varias árbores en flor. Moitas delas pasan desapercibidas, porque teñen flores pouco vistosas, como a abeleira. Pero hai unha que destaca entre todas polas súa floración espectacular.
Así que a pregunta de hoxe é: ¿Cal é a árbore de flores amarelas que xa está en flor? Dareivos un par de pistas: ven no álbum e trátase dunha especie exótica invasora.
Até a próxima.
Imaxe da pegada de Dona

lunes, 14 de enero de 2013

As preguntas de Dona

Esta pregunta podes atopala neste enlace: http://www.fragasdomandeo.org/voz-natura/

Fotografía de Dona¡Ola a todo o mundo!
Xa vexo que sabedes navegar por Internet e atopa-lo que vos interesa. Efectivamente, acertastes coa resposta: Son a mascota de Fragas do Mandeo porque nacín pretiño do río Mandeo, en Muniferral, no concello de Aranga. E nacín xusto a véspera de que se creara Fragas do Mandeo.
Fotografía de MakiO meu pai é un boieiro de Berna grandísimo e a miña nai unha pastora alemá moi espelida. Xa que logo, o meu pai é un pastor de vacas e a miña nai unha pastora de ovellas. Pero a min o que me gusta é correr polo monte e abúrreme moito andar a mirar polas vacas e as ovellas: ¡En todo o día non fan outra cousa que comer! Por iso eu escollín a profesión de can gardabosques.
Fotografía de MakiHoxe vou presentarvos á miña amiga Maki Rabuda. Coñecina hai pouco máis dun ano. Eu ía con Lía polo monte cando a atopei nunha cuneta toda engruñada. Estaba cun seu irmá, branco e de ollos azuis, pero escapou cando nos veu. Maki non tiña medo de nós: o que tiña era que estaba tan morta de fame que nin forzas lle quedaban para escapar. Así que puxémonos a falar con ela e lle dixemos se quería vir a vivir á nosa casa, porque con tanto raposo no monte, alí non estaba segura.
Fotografía de MakiÓ principio non xogaba con nós, estrañaba a súa familia e non coñecía a casa. Tampouco se librou de ter que ir ó veterinario. Pero agora, como é a máis pequeniña da casa, fai o que quere. Porque Maki é unha gata moi travesa. Igual estou durmindo e ven ás agachadas a trabarme no rabo e logo escapar correndo. Ou vou tan tranquila e na volta dunha esquina aparece de súpeto e se lanza coas súas poutas por diante a trabarme no fociño. Pero eu tamén lle boto unhas boas carreiras: en campo aberto non me gaña e ten que subirse a unha árbore coma se fora un esquío. Pero somos boas amigas e sempre ando con tino de non mancala.

A pregunta de hoxe é a seguinte. Se Maki vivía no monte, ¿por qué non é ungato montés?
Até a próxima.


Se queres atopar a resposta debes buscala na web da Fundación Fragas do Mandeo.

viernes, 11 de enero de 2013

lunes, 7 de enero de 2013

En xaneiro: Os ríos e o bosque de ribeira.

Durante o mes de xaneiro, no recuncho de Voz Natura da biblioteca, atoparedes o panel do hábitat dos ríos e o bosque de ribeira. Cada vez que leves un libro da biblioteca para ler, daranche de regalo un dos seis cromos deste hábitat. Seguro que os coleccionades todos!