jueves, 28 de febrero de 2013

En marzo: O bosque autóctono

Na biblioteca poderás ir conseguindo os cromos do álbum correspondentes o hábitat "O bosque autóctono" .

lunes, 25 de febrero de 2013

Nova pregunta de Dona

Esta pregunta podes atopala neste enlace: http://www.fragasdomandeo.org/voz-natura/ 

As preguntas de Dona

Fotografía de Dona

¡Ei rapaces!
Desta vez estivestes durmidos. Soamente Uxía e Lucas acertaron coa resposta á miña pregunta. Pero Miguel faloume de que algúns estades facendo un mapa no que marcades os sitios onde vistes mimosas. ¡Moi ben!
Efectivamente, a árbore invasora que está agora a encherse de flores amarelas é a mimosa. Se queredes lucirvos podedes usa-lo seu nome científico: Acacia dealbata. É unha árbore australiana que trouxeron para plantar nos xardíns, de maneira que alegren a vista nunha época do ano na que hai poucas flores.
Foto da flor da mimosaPero o problema é cando medra no monte. Bota moitas sementes que poden durar enterradas até 50 anos. Logo, cando un lume queima o monte e elimina todo o mato, estas sementes xerminan rapidamente, ocupando todo o espazo no que antes medraba unha vexetación variada. Tamén bota fillos das raíces, estendéndose por toda a súa contorna. E como aquí non hai ningún animal que coma as súas follas, pois non ten inimigos que impidan o seu crecemento.
E así pouco a pouco vai desprazando as árbores e arbustos propios da nosa comarca. Por iso non hai que deixalas medrar no monte, porque se as deixamos pode pasar coma na comarca de O Ribeiro, onde os montes xa están cheos delas e non hai quen sexa capaz de paralas.
Foto da flor do salgueiroEste é un exemplo dunha especie exótica invasora. Chámanlles exóticas porque son de fóra, de países de lonxe. E son invasoras porque van reproducíndose e ocupando o lugar das plantas e animais que son propias do noso país. Nalgúns casos poden chegar a extinguir algunha especie.
Neses países de lonxe tamén pasa o mesmo, pero ó revés. Alí as especies exóticas invasoras son algunhas das especies propias de aquí. Vou contarvos unha historia para que me entendades, pero cunha condición: ¡que non llo contedes a Maki!
Nova Zelandia é o país situado máis lonxe de aquí. Queda cerca de Australia e está formado por dúas illas grandes que xuntas parecen unha bota posta cabeza abaixo. Polo canal que separa ámbalas dúas illas navegan moitos barcos. Para que non houbera accidentes, construíron un faro nunha pequena illa deshabitada que está no canal. Os maorís chámanlle Takapourewa e os ingleses illa Stephens. Para atende-lo faro contrataron a tres fareiros, que foron acompañados das súas familias para non estaren solos. Os novos habitantes levaron gatos para caza-los ratiños que se meteran no faro e nas casas. Din que a un deles chamábanlle Tibbles.
Ilustración do carrizo da illa StephensDe cando en vez Tibbles cazaba algún paxariño. Non lle custaba moito, porque estes paxariños eran confiados e non sabían voar. Nunca viran un gato, nin tiveran inimigos na illa e por iso incluso esqueceran como voar. Como un dos fareiros, o señor Lyall, era afeccionado ás aves, decatouse de que era un paxariño nunca visto. Mandou exemplares a ornitólogos e museos. Como non tiña nome, chamáronlle carrizo de Stephens, porque era o único sitio no mundo en que o había.
Pero despois dun tempo, Tibbles non trouxo máis paxariños. O señor Lyall buscou por toda a illa e non atopou ningún. Xa non había carrizos de Stephens por ningures. Desapareceran totalmente. Extinguíronse para sempre.
A culpa levouna Tibbles e os seus parentes, por cazaren tódolos carrizos de Stephens que había no mundo. Pero o pobre Tibbles non sabía o que facía, soamente tiña fame e alí había paxariños doados de cazar porque nunca viran un gato.
Agora xa sabedes porqué a Maki non lle gusta que conte esta historia e porqué sempre lle poñen comida de máis no seu pratiño.
O conto desta historia é que non se deben levar animais ou plantas a lugares que non son propios, porque poden causar problemas. Poden converterse nunha especie invasora. Incluso poden extinguir algunha especie nativa, propia do país.
Fotografía de Lía e DonaLevo un tempo aburrida porque non para de chover e non saio de excursión. Pero o pasado sábado parou, e aproveitei para ir coa miña compañeira Lía e un voluntario de Fragas do Mandeo á lagoa de Sobrado. Contamos tódolos parrulos e outras aves acuáticas que alí había. Logo limpámo-lo observatorio ornitolóxico. ¡Mira que hai xente ben porca! Botellas, papeis, latas, plásticos… Sempre que imos está cheo de lixo outra vez. E iso que teñen un contedor alí ó lado onde botar calquera refugallo. Tamén recollémo-lo lixo en toda a contorna da lagoa, e no camiño xacobeo que pasa por alí.
Fotografía de Lía e Dona
¿A que non sabedes cantas bolsas de lixo enchemos?
Eu sempre me pregunto por qué temos que limpa-lo lixo que tiran outros. ¿Vós que facedes? ¿Tamén ides recoller lixo nos espazos naturais? ¿Ou pensades que debería recollelo quen o tirou? ¿Qué podemos facer para que a xente non tire lixo no campo?
Até a próxima.
Imaxe da pegada de Dona



jueves, 21 de febrero de 2013

Club Panda

O noso club non descansa. Así se esforzan para conservar o noso planeta. Acompáñaos nas súas andanzas.

viernes, 15 de febrero de 2013

Caderno Verde de Sogama

O portal web do Caderno Verde  de Sogama www.cadernoverde.com é unha iniciativa educativa orientada aos escolares de Primaria e a través da cal  se pretende incluir o medio ambiente de xeito transversal en todas as disciplinas obxecto de estudo. Cada quince días irase nutrindo esta páxina con novas unidades didácticas, pensadas tanto para o traballo na escola como no ámbito familiar, que se enriquecerán con distintos exercicios prácticos a través dos cales teredes a oportunidade de avaliar o grao de coñecemento adquirido polos pequenos.

viernes, 8 de febrero de 2013

Exposición: O cambio climático

Os alumnos de 5º e 6º cursos de educación primaria visitamos e exposición "O Cambio Climático" na Casa da Cultura de Sada.

miércoles, 6 de febrero de 2013

Especies invasoras: As mimosas

mimosa (Acacia dealbata) é unha preciosa árbore australiana que chegou á nosa terra coma árbore decorativa. Ten unhas follas compostas moi delicadas e cando florece se enche totalmente de pequenas flores amarelas.
Por tratarse dunha especie exótica invasora, ofrece a oportunidade de introducir este problema. Dentro das principais causas de perda de biodiversidade en todo o planeta, as especies exóticas invasoras supoñen a segunda en importancia, trala destrución directa dos hábitats. Por ese motivo, soamente deben cultivarse en xardíns urbanos onde non hai posibilidades de que se espallen. Aquelas que están no monte, deberían ser eliminadas, tal como establece a lexislación vixente.
Na web de Fragas do Mandeo hai un apartado dedicado exclusivamente a este tema, ó que se pode acceder escollendo no menú da sección Hábitats o apartado “As especies invasoras”. Pode tamén descargarse a ficha da mimosado Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, ficha da mimosa do Atlas de las Plantas Alóctonas Invasoras de España ou a ficha da mimosa (en inglés)do programa DAISIE da Unión Europea, dedicado ás invasión biolóxicas, que a clasifica dentro das cen peores especies.
A continuación vai un mapa de localización de mimosas na nosa bisbarra que se deberían de eliminar para evitar que se propaguen.
Ver Especies invasoras: as mimosas. en un mapa más grande

lunes, 4 de febrero de 2013

En febreiro: brañas, lagoas e encoros.

Durante o mes de febreiro, no recuncho de Voz Natura da biblioteca, atoparedes o panel do hábitat das brañas, lagoas e encoros. Cada vez que leves un libro da biblioteca para ler, daranche de regalo un dos seis cromos deste hábitat. Ánimo para coleccionalos todos!

viernes, 1 de febrero de 2013

Día Mundial dos Humedais

O 2 de febreiro celébrase o Día Mundial dos Humedais, onde se recorda a data na que se creou a Convención Ramsar (1971), un tratado intergobernamental que serve de marco para as accións en favor da conservación e do uso racional estos ecosistemas mediante actuacións locais, rexionais e nacionais, como contribución ao logro dun desenvolvemento sostible en todo o mundo. En conmemoración a esta data tan relevante, o CEIDA a través do seu Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga, pon a disposición a Guía de Recursos sobre Humedais, unha recompilación de materiais bibliográficos sobre esta temática dirixida a todos os centros educativos galegos, institucións ou persoas interesadas en traballar sobre este tema. A maior parte dos recursos están dispoñibles a través da Rede para a súa descarga a texto completo, e outros poden ser consultados a través do servizo de préstamo que o centro ofrece, totalmente gratuito. Pódese descargar a Guía de Recursos desde a seguinte ligazón: http://www.ceida.org/files/publicacions/guiarecursoshumedais2013.pdf