jueves, 25 de abril de 2013

Excursión á praia de Sada

Os nenos e nenas de educación infantil foron á praia de Sada. Estaban moi emocionados con esta pequena excursión.
Saíron do colexio en fila e camiñaron polo paseo marítimo ata a praia. Viron as algas, as cunchas, a area, o lixo que tiramos e que o mar trae de volta para a beira,... Sentiron a brisa do mar. Pisaron a area dura e a area branda, a area húmida e a area seca.
Colleron moitas cunchas e trouxéronas para o colexio para clasificalas e facer traballos con elas. Tamén aprenderon moitas cousas, unha moi importante foi que non debemos tirar lixo.

martes, 23 de abril de 2013

Éxito do rastrillo solidario

O rastrillo solidario realizado o Día do Libro para recadar fondos para a Fundación Fragas do Mandeo foi todo un éxito.
Da venda dos libros recollidos no centro recadáronse 318,50 € e dos libros vendidos pola Fundación pola tarde 93,60 €. En total 412,10 €.
Co recadado a Fundación adquirirá unha finca para custodia do territorio no entorno do río Mandeo. No momento que se proceda á compra daremos máis información dos detalles.
Pica na imaxe para ver o álbum de fotos publicado no xornal La Voz de Galicia.

lunes, 22 de abril de 2013

22 de abril: Día da Terra

Xogo interactivo de WWF España e da Fundación AXA para concienciar e fomentar un cambio de modelo enerxético que nos permita paliar os efectos do cambio climático.

domingo, 21 de abril de 2013

Día do libro. Rastrillo solidario

O 23 de abril celébrase o Día do Libro e con tal motivo queremos organizar un rastrillo solidario no Colexio de educación infantil e primaria Sada y sus Contornos.
Programa Voz Natura: Custodia do territorio e biodiversidade
Neste curso estamos levando a cabo o proxecto “Custodia do territorio e biodiversidade” dentro do programa Voz Natura da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, que nos concedeu unha axuda para adquisición de materiais e para algunhas das viaxes realizadas. Máis información: http://www.voznatura.com  
As actividades que levamos a cabo no colexio dentro do proxecto “Custodia do territorio e biodiversidade” pódense seguir a través do blogue: http://voznaturasada.blogspot.com.es/
Fundación Fragas do Mandeo
Neste proxecto contamos coa constante colaboración da Fundación Fragas do Mandeo,  (http://www.fragasdomandeo.org/ ) unha entidade de custodia do territorio que ten como fin a preservación da biodiversidade na comarca coruñesa de As Mariñas. Coa adquisición de fincas de interese ambiental mediante compra, doazón ou legado, e a través de acordos cos propietarios de parcelas, baixo aluguer ou cesión temporal, busca conserva-los espazos naturais desta comarca.
Dentro deste proxecto temos previsto realizar un rastrillo solidario con achegas de libros por parte das familias e do centro para poñelos á venta o día 23 de abril. A recadación da venta dos libros destinarase á Fundación Fragas do Mandeo para colaborar na adquisión de fincas para a custodia do territorio.
Colaboración das familias
Para levar a cabo esta actividade solicitamos a colaboración das familias coa aportación de libros de literatura infantil e xuvenil e tamén de temática ambiental ou sobre a Natureza.
Rastrillo solidario
O rastrillo estará no ximnasio de 12,15 a 13,30 horas, para que os alumnos do centro poidan mercar libros. De 13,30 a 14,00 horas e pola tarde, de 16 a 17 horas, abrirase para as familias e público en xeral. No horario de tarde estarán tamén no centro representantes da Fundación Fragas do Mandeo que atenderán aos interesados en colaborar con esta entidade e informarse sobre as súas actividades.

viernes, 19 de abril de 2013

Nova pregunta de Dona. Rastrillo solidario e Maki


Esta pregunta podes atopala neste enlace: http://www.fragasdomandeo.org/voz-natura/

Fotografía de Dona


¡Ola rapaces!
Xa vexo que moitos de vós queredes volver a facer excursións polas fragas do río Mandeo e percorrer tódolos seus camiños. Se vos dan permiso, eu estarei encantada de guiarvos.
Hoxe teño unha boa noticia e outra mala. Deixarei a mala para o final porque non teño moitas gañas de falar dela.
A boa noticia é que hai quince días mercamos dúas parcelas. Unha delas está na beira do río Mandeo, cerca de Chelo. A outra está no cumio do monte da Espenuca, que é o que lle fai sombra a Chelo, e dende el vese toda a bisbarra.
Fotografía dun castiñeiroEu xa coñecía as dúas parcelas, porque fora a inspeccionalas para dar a miña opinión antes de que decidiramos mercalas. Andeinas de arriba abaixo. Gustáronme porque atopei moitos rastros, o que quere dicir que de noite están cheas de vida. O chan estaba cuberto de follas, e debaixo delas vive unha multitude de bichos pequenos. Teñen moitos carballos, pero aínda son novos. Así que, agora que son nosas, non vai cortalos ninguén. Dentro de cen anos terán troncos enormes. Polo menos fará falta unha cadea de media ducia de rapaces coma vós para arrodealos cos brazos estendidos. E vivirán neles unha morea de animais que pola noite farán festa ó seu arredor.
O voso director díxome que o martes día 23 ides a celebrar o día do libro facendo no colexio un rastrillo onde venderedes libros. E tamén me falou de que cos cartos ides mercar algún monte para que o conserve Fragas do Mandeo. A min paréceme unha idea estupenda. Aínda máis, xa lle teño botado o ollo a varios que me gustan moito. Así que tedes que vender unha morea de libros.
A verdade, eu non entendo porqué vos gustan os libros. Eu non lles vexo nada interesante. Teñen follas, pero non son tan bonitas coma as dos árbores. Todas olen igual, van xuntiñas e teñen a mesma forma. As dos árbores olen a moitas cousas e están tan ceibas que cando hai vento escapan das árbores e van de paseo polo monte.
A min póñenme unha grande debaixo do prato da comida para que aprenda a ler. Pero ten as letras tan pequenas e xuntas que non as podo ulir de unha en unha porque se lles mestura o olor. ¿Como vai unha a aprender así a ler? Se aínda puxeran unha letra en cada folla, podía ir ulindo cada unha e saber o que está escrito. Así que nunca leo cando como.
Fotografía do libro La historia interminableLía di que hai que ter moito coidado con eles, e que os hai de dúas clases. Non hai que preocuparse moito cos de follas grandes, os que as teñen soltas. Pero hai que andar con tino de non pisar ou coller un dos pequenos, dos que teñen as follas presas polo lado, se non queres que che rifen. Debe ter razón porque de pequena collía follas grandes, esnaquizábaas e non me dicían nada. E agora, para que me deixen entrar no almacén onde gardan a morea deles que levan a vender nos rastrillos, teño que andar a modiño e non xogar nada. Lía contoume unha historia que pasou hai anos, cando era nova e ía ó monte a buscar rastros de lobos cun compañeiro seu que se chamaba Fusco, que non lles tiña ningún medo e era un explorador experto en atopalos.
Chegaran o pé dun vertedoiro de lixo ilegal que había no monte. Mandáronlles quedar sentados a distancia. Lía non entendía o motivo, pero Fusco díxolle que naqueles sitios había cristais rotos e podían corta-los pés, que xa lle pasara a el unha vez. O que os acompañaba acercouse a inspeccionar, pois levaba botas. E alí veu un libro tirado, no medio do lixo, todo mollado e xa medio desfeito. Mirouno ben, abriuno e viu que tiña unhas follas con letras vermellas e outras con letras verdes. De cando en vez algún debuxo. Lía dixo que se puxera triste e non falara nada no camiño de volta. Cando chegaron á casa falou alporizado. “Mira que hai analfa-burros neste país”, dixo enfadado. “A primeira edición en castelán da historia interminable no lixo. ¿E non haberá bibliotecas onde deixalo se non o queres?”. Pregunteille a Lía que quería dicir con todo iso, pero non soubo contestarme.
Eu tampouco o dou entendido. Se o libro contaba unha historia e a historia era interminable, ¿cantas follas tiña o libro? ¿E quen escribiría ese libro? Digo eu que sería un vello moi velliño, porque unha historia tan longa tárdase moito en escribila. ¿E por que tiña unhas follas en vermello e outras en verde? E se era tan importante, ¿non podían recollelo e poñelo a secar?
Fotografía del libro de John BradshawUn misterio misterioso. Porque isto dos libros é moi enigmático. Por exemplo, os que saben ler, cando collen un, póñense a mirar nel e pasan horas e horas apampados sen aburrirse. Eu doulles co fociño a ver se espilen, e nada. O outro día, puxéronse moi contentos. Descargaron unha caixa do maleteiro do coche e atoparon un lote deles que ulían moi raro. Un pequeniño tiña un can debuxado na portada. Seica se titulaba “In Defence of Dogs” e que o escribiu un biólogo inglés que sabe moito de cans e que se chama John Bradshaw. Non lle vexo tanto mérito, porque xa vin na casa outros con fotos de cans. Un titúlase “En la mente del perro. Lo que los perros ven, huelen y saben”, que o escribiu unha profesora que se chama Alexandra Horowitz, e outro que o escribiu a adestradora Karen Pryor e se titula “¡No lo mates… enséñale!”. ¡Vaia título! Pero o caso é que se puxeron a ler o que viña na caixa e non pararon até rematalo.
Lía di que en todos eses libros fálase de nós, de cómo hai que facer para entendernos e ensinarnos cousas. E digo eu, ¿e non sería máis fácil que nos preguntaran o que quixeran saber? ¡Mira que se complica a vida a xente!
En fin, o dito, vós vendede moitos libros. ¡A ver se podemos mercar un monte ben grande!
E agora vai a mal noticia. Xa vos dixen que a Maki gustáballe durmir todo o día e logo andar de varanda pola noite. Pero da última non volveu. Atopárona pola mañanciña na estrada, baixo a choiva. Digo eu que tivo que ser que a cegou un coche e non puido zafarse. Porque a min ben que me esquivaba cando corría tras ela. ¡Quen lle mandaría ir tan lonxe de casa soa! Pero é que sempre foi moi aventureira. Xa de pequena agachaba polas árbores aínda que estiveran as pegas berrándolle ameazadoramente por andar cerca do seu niño. Ou cando subiu ó tellado da casa e andouno todo, sen medo de caer ou que lle viñera unha rapina e a levara. ¡Non se decata unha do que vai estrañar a unha amiga até que a perde!
Fotografía dun miñato comúnXa sabedes. Andade con tino cos coches, que non respectan nin a cativos nin a grandes. E cando saquedes o permiso de conducir, conducide a modo cando vexades calquera animal preto da estrada. Especialmente de noite, que é cando saen de paseo os compañeiros que viven no monte. ¡Cantos non morren nas estradas! Ourizos cachos, teixugos, xabarís, algarias, martas… Mentres non saibades conducir, avisade ós vosos pais cando vaian conducindo eles para que minoren a velocidade en canto vexades algún.
As miñas preguntas de hoxe son moi sinxelas. Dixéronme que para conseguir cromos para o álbum tiñades que pedir un libro na biblioteca. ¿Cantos libros levades lido neste curso? Porque, ¿non faredes trampas e colleredes os libros para que vos dean os cromos e logo non os ledes? ¿Qué clase de libros vos gustan?
¡Até a próxima!
Imaxe da pegada de Dona

miércoles, 3 de abril de 2013

Despois da viaxe a Chelo, Dona pregunta de novo.


Fotografía de Dona

¡Ola rapaces!
Xa vexo que a última vez que vos escribín estabades tan emocionados coa idea de ir a Chelo para coñecerme e visitar as fragas do Mandeo que nin vos parastes a contestarme. ¿Ou é que non sabiades que animal e dúas veces animal?
Sexa polo que sexa vou contestarvos a adiviña: Pois é Maki Rabuda, porque é gato e máis araña. Cando xoga comigo non ten conta de que ten unhas uñas ben afiadas e moitas veces rabúñame sen querer.
Fotografía de MakiOs gatos domésticos e os monteses son da familia dos felinos, na que teñen parentes famosos por todo o mundo, como o leopardo ou o tigre. Todos eles teñen uñas retráctiles. ¿E que quere dicir esa palabra? Pois que as poden gardar ou sacar a vontade. Así non as dan gastado, as teñen sempre afiadas de todo e poden subir ás árbores.
Fotografía de Lía e DonaOs que somos da familia dos cánidos, como os cans, lobos e raposos, non temos as uñas retráctiles e sempre están á vista. Cando corremos cravamos as uñas na terra, do mesmo xeito que fan os futbolistas cos tacos das súas botas, e por iso témolas gastadiñas e non rabuñan como as dos gatos.
Fotografía da excursión a Chelo¿E sabedes qué felino non ten as uñas retráctiles? Pois o guepardo. ¿E por qué? Porque caza as súas presas como os galgos, correndo a todo meter tras elas, chegando a acadar velocidades de 100 quilómetros por hora. Xa que logo, precisa unhas uñas como as nosas.
Agora xa sabedes porque non fun capaz de subir polo piñeiro tras do esquío que vimos en Chelo. Se tivera unhas uñas como as de Maki veriades un can escalador en acción.
Pero non vos queixedes. A pesares do barullo que faciades, xa vistes que eu estaba moi atenta a todo. Tiña que andar para arriba e para abaixo mirando que non se perdera ninguén, esquivando os que non deixaban de sobarme. E aínda así puiden sentir e ulir o esquío. A pesares de que estaba ben escondido, souben sacalo do seu agocho para que o virades subir polo piñeiro.
Fotografía da excursión a CheloE isto non é nada. Porque, cando imos nós solos, andamos ben caladiños, e así podemos ver corzos, raposos e moitos paxaros que viven nas fragas do Mandeo.
Cando chegamos á casa, atopamos a Maki nada máis entrar. Como anda toda a noite de esmorga, tiña sono e frío, e se puxera a durmir ó sol. ¡Non pega golpe! Así que Lía e máis eu, que estabamos ben cansas por facer toda a mañá de guías, deitámonos tamén a botar unha boa sesta.
Fotografía da excursión a Chelo
Á noite presentámolo noso informe:
  • Ninguén se perdeu, a pesares de que erades 60 alumnos que non parabades.
  • Fotografía da excursión a Chelo
  • Identificamos moitas plantas en flor: cáncaros, violetas, anémonas, lúzulas e tres clases de amarelles, incluso un deles ameazado: o Narcissus cyclamineus.
  • Tamén identificamos un arbusto en flor, aínda que moitos dinlle árbore: a abeleira.
  • Vimos un esquío agachando polas árbores e un pobre teixugo que afogou no río.
  • Entre as especies exóticas invasoras, unha árbore, a acacia de madeira negra, e unha planta, a crocosmia.
  • E recollemos un montón de lixo.
Como quedaron contentos co noso informe, déronnos dobre ración de cea. Espero que a vós tamén vos deran ben de comer.
E agora un par de preguntas moi sinxelas:
¿Qué é o que máis vos gustou da excursión a Chelo?
¿Queredes que vos guíe a algún outro sitio?
¡Até a próxima!
Imaxe da pegada de Dona