martes, 28 de mayo de 2013

As Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo, reserva da biosfera

A Unesco designou hoxe como nova reserva da biosfera as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A zona cubre arredor de 116.000 hectáreas, alberga unha poboación de cerca de 190.000 habitantes e engloba as concas de dous grandes ríos, o Mero e o Mandeo, con ecosistemas costeiros e de montaña que teñen unha gran diversidade biolóxica. Comprende os concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza dos Ríos, Paderne, Sada e Sobrado dos Monxes.

miércoles, 22 de mayo de 2013

Entrevista na TVG

Hoxe pola tarde desprazámonos a Chelo para realizar unha entrevista para a Televisión de Galicia. Contamos o que fixemos no noso proxecto "Custodia do territorio e biodiversidade". Estabamos moi nervosos pero saiu todo moi ben. Podedes ver a entrevista e máis as fotos.

Álbum de cromos completo

Seguro que xa tes o álbum de cromos completo. Se che falta algún vai pola biblioteca para rematalo.

Nova pregunta de Dona


Fotografía de Dona

¡Ola rapaces!
¿Xa vos dixeron que mercamos un lote de montes cos cartos que xuntastes no rastrillo do día do libro, e máis os que puxeron os nosos doadores? Pois se non vo-lo dixeron, dígoo eu agora. Mercamos 26.630 metros cadrados de fraga, toda chea de carballos, castiñeiros, bidueiros, loureiros e moitas máis árbores. E agora ninguén vai cortalos, porque vou estar eu vixiándoos e como se achegue a eles alguén cunha motoserra, vai saber quen son eu.
Tamén hai unha parcela que ten eucaliptos. A min non me gustan nada, porque os eucaliptais non dan acubillo a tantas plantas e animais coma as fragas. Eu non sabía para que a querían, pero me dixeron que van cortar tódolos eucaliptos e logo plantar carballos e castiñeiros. Así os animais do bosque terán landras e castañas que comer. Se cadra aínda podedes axudar a plantalos. ¿Animádesvos? Pero será para o próximo ano, porque xa é tarde para facelo.
Fotografía na EspenucaForon moitos os que acertaron a pregunta que vos fixen: o animal invasor máis fero dos que aparecen no álbum é o visón americano. Pero poucos acertaron a saber como chegou este animal dende América, de onde é orixinario, até a nosa bisbarra.
Non, non colleron un avión ou un barco para facer turismo por Galicia. Tampouco nadando, que o océano é moi grande para cruzalo a nado. Entón, ¿como foi? Pois resulta que os trouxeron para crialos en granxas.
Non pensedes que os criaban para logo vendelos como mascotas. Non, foi para outra cousa. Dáme arrepíos soamente de pensalo. Os criaban para logo sacarlles o pelexo e facer abrigos de visón. ¡Mira que hai xente ben bruta! Como alguén queira facer un abrigo co meu pelexo voulle dar unha trabada que vai acordarse toda a súa vida.
O caso é que fixeron moitas granxas para crialos. Claro que, como se fixeron tantas, pouco tempo despois sobraban e os donos arruináronse. Como non sabían que facer con tantos visóns, algúns propietarios ceibáronos.
Noutros casos entrou xente de noite, a escondidas, para liberalos. É xente á que non lle gusta que maltraten ós animais. Pero en vez de levalos para América, deixáronos que escaparan. ¡E fixeron unha ben boa! Aínda foi peor o remedio que a enfermidade, porque a meirande parte destes visóns escapados morreron ós poucos días. Afeitos a vivir nunha gaiola e recibir a comida ás horas que lles tocaban, non sabían vivir no monte e cazar a súa mantenza, e morrían coa fame. Outros, acostumados a que os encargados lles deran de comer, non tiñan medo de nada. Metíanse nas casas sen ter en conta os seus donos e os cans que as gardaban, ou cruzaban as estradas sen mirar se viñan coches.
Ilustración de visón americanoE agora vou contarvos unha das historias de Lía. Cando nova, era unha cadela forte e áxil. Vivía co seu compañeiro Fusco, do que xa vos falei. Daquela, unha noite entrou xente a escondidas nunha granxa de visóns americanos que había a cinco quilómetros da casa e ceibaron tódolos visóns que alí había. Os donos dixeron que na granxa tiñan 15.000 visóns e que escaparan a lo menos 10.000 deles.
Andaban por todas partes. Mataban galiñas e dixeron incluso que algún gato. Aparecían mortos nas estradas, e cando alguén quería coller algún que quedaba vivo, revirábanse e trababan. Un deles entrou na casa. Daquela, Fusco e Lía patrullaban a finca a cada pouco e xa tiñan un camiño feito pola beira de tanto andar. Se tomaban moi en serio o seu traballo de vixiantes. Así que, en canto entrou o visón, vírono e foron tras del. Pero o visón escapou pola sebe correndo até que se escondeu nun burato que había no cemento da canceira. Alí non podían collelo nin Fusco nin Lía, porque o cemento está moi duro para escarvar coas poutas.
Entón foron chamar por xente, a ver se podían axudalos. Pero nada, non había maneira de sacalo de aquel refuxio. Así que a xente da casa decidiu cazalo facendo unha trampa e poñéndolle comida para atraelo.
A Fusco e máis a Lía non lles pareceu nada ben todo iso. O visón metérase na canceira, detrás da súa caseta. Non a usaban, porque a eles, como a min, gustáballes máis estar o pé das portas por se ven alguén. Pero era a súa caseta. E eles eran os responsables de que ninguén estraño entrara na finca. “Han pensar que pasamos todo o día durmindo e que non facemos o noso traballo. ¿E se lle traba a Gatony? Aínda han botarnos”, pensaban. E, aparte, non lles gustou nada que puxeran como cebo o seu penso: “¿Comerse a nosa comida? ¡Nin de broma!”, foi o que dixeron.
Entón decidiron argallar un plan. Pola mañanciña, cando toda a xente marchou a traballar, eles puxéronse a espiar o burato dende lonxe. De alí a un pouco o visón saíu para buscar algo de comer, avanzou pola sebe, sabendo que nela estaba protexido. De repente, apareceulle Fusco de fronte, e cando ía a baterse en retirada, Lía cortoulle o camiño. Ensinoulle os dentes, pero Lía é valente e non se botou atrás. Pegou uns brincos para escapar, pero Lía era moi áxil e o visón non tivo escapatoria.
Fotografía de visón americanoA segunda parte do plan foi máis sinxela. Colleron o visón morto e o pousaron diante do portal. Deitáronse a carón del e esperaron a que a xente volvera. Gatony, unha gatiña da casa que eu non coñecín, os miraba facer dende o limiar dunha fiestra, tan elegante e displicente coma sempre. Cando ouviron chegar o coche, erguéronse rapidamente. No momento en que abriron o portal, a xente atopouse o visón morto alí no medio. Fusco e Lía estaban firmes e movendo o rabo, dicindo “misión cumprida”.
Os visóns americanos fan moito mal na nosa bisbarra. Os poucos que sobreviviron daqueles miles que ceibaron atopan comida nas beiras dos ríos, das lagoas e do mar. Alí atrapan todo aquilo co que se cruzan: un ratiño aquí, unha musaraña alá, un paxariño despistado, ou os ovos dun parrulo que fixo un niño no chan. Non se libran nin sequera as rás.
As que peor o pasan son as aves acuáticas e mariñas. As primeiras, como a galiñola negra, fan os niños no borde da auga e están ó alcance do visón. Outras fan niños flotantes, como o mergullón pequeno, pero tampouco se libran de todo porque o visón sabe nadar moi ben e ás veces consigue atopalos. Tamén sofren as aves mariñas, porque as gaivotas e outras especies fan os niños no chan.
Máis adiante os visóns emparelláronse e comezaron a criar. Os seus fillos aprenderon a cazar dende pequenos, totalmente adaptados ó novo país dos seus pais. Agora están por todas partes. ¡Son o inimigo público número 1 nos ríos da nosa bisbarra! E non saben como desfacerse deles. Se nos adestraran a cazalos a uns cantos cans coma min, ¡non habían durar nada!
Xa sabedes a historia do visón americano. Agora unha nova pregunta. No álbum hai soamente dúas especies de aves que cazan pola noite. ¿A que non sabedes cales son? ¿E podedes dicirme algo máis delas? A ver: ¿En qué se diferencian? ¿Por onde andan? ¿Polas fragas ou preto das casas? ¿Qué é o que comen?
¡Até a próxima!
Imaxe da pegada de Dona

viernes, 10 de mayo de 2013

As Brañas de Sada

Hoxe visitamos unhas lagoas que temos na nosa vila. Fomos dando un paseo desde o colexio ata as Brañas de Sada. Guiounos a visita Carlos Silvar, un gran coñecedor destes paraxes e integrante da Fundación Fragas do Mandeo. Grazas a el sabemos a importancia destes humedais, a súa orixe e a flora e fauna que podemos observar neles. Cando chegamos vimos un depósito de lixo. Explicounos que non debemos tirar lixo en calquera lugar, que debemos levalo a un punto limpo.

Encontro cun ilustrador: Carlos Silvar.

Carlos Silvar é un dos mellores ilustradores que temos en Galicia. Hoxe veu ao noso colexio a presentarnos o seu último libro: O Carballo. Mostrounos as ilustracións do libro e foinos contando os segredos da árbore máis maxestuosa e lonxeva da nosa terra. Algúns exemplares mesmo chegan aos 900 anos.
Aprendimos moitas cousas  sobre a importancia que ten preservar estas árbores e os bosques que forman: as fragas.
Ao remate fíxonos unha bonita dedicatoria no libro que temos no rincón Voz Natura da biblioteca do noso colexio.

jueves, 9 de mayo de 2013

Compra de fincas da Fundación Fragas do Mandeo.


Unha representación dos alumnos do Colexio Sada y sus Contornos asistiron ao acto de compra de varias parcelas pola Fundación Fragas do Mandeo
O xoves 9 de maio, ás 16 horas, achegámonos a Betanzos para asistir á sinatura da escritura de adquisición de varias parcelas de monte na notaría de D. Óscar López Doval por Fragas do Mandeo.
A Fundación Fragas do Mandeo mercou un total de 26.630 m2.  Da superficie total, 2.105 m2 foron os que se pagaron cos 318,50 € que xuntaron os alumnos do Colexio Sada y sus Contornos no rastrillo solidario realizado o Día do Libro para recadar fondos para a Fundación Fragas do Mandeo.
Na escritura de compra recóllese a contribución do noso centro:
SEGUNDO.- Manifesta o representante da Fundación,que na adquisición das fincas empréganse osTRESCENTOS DEZAOITO EUROS CON CINCUENTA CÉNTIMOS(318,50 €) recibidos o día 23 de abril de 2.013, pordoazón dos alumnos do CEIP Sada y sus Contornos, que estes xuntaron nun rastrillo organizado o Día do Libro,como parte das actividades realizadas no seu proxecto Voz Natura, titulado “Custodia do territorio e biodiversidade”.
Despois de rematar o acto de compra na notaría desprazamonos a Espenuca, onde poidemos observar o estado actual do mirador. Alí actuará a Fundación nos terreos adquiridos para recuperar o hábitat propio dese entorno. Co paso do tempo poderemos ir comprobando como o esforzo e contribución solidaria terán un efecto importante na conservación do medio ambiente.

Escritura de compra. Mención ao Colexio Sada y sus Contornos.
Nova na páxina web da Fundación Fragas do Mandeo.