martes, 28 de mayo de 2013
As Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo, reserva da biosfera
A Unesco designou hoxe como nova reserva da biosfera as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A zona cubre arredor de 116.000 hectáreas, alberga unha poboación de cerca de 190.000 habitantes e engloba as concas de dous grandes ríos, o Mero e o Mandeo, con ecosistemas costeiros e de montaña que teñen unha gran diversidade biolóxica.
Comprende os concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza dos Ríos, Paderne, Sada e Sobrado dos Monxes.
miércoles, 22 de mayo de 2013
Entrevista na TVG
Hoxe pola tarde desprazámonos a Chelo para realizar unha entrevista para a Televisión de Galicia. Contamos o que fixemos no noso proxecto "Custodia do territorio e biodiversidade". Estabamos moi nervosos pero saiu todo moi ben. Podedes ver a entrevista e máis as fotos.
Álbum de cromos completo
Seguro que xa tes o álbum de cromos completo. Se che falta algún vai pola biblioteca para rematalo.
Nova pregunta de Dona

¡Ola rapaces!
¿Xa vos dixeron que mercamos un lote de montes cos cartos que xuntastes no rastrillo do día do libro, e máis os que puxeron os nosos doadores? Pois se non vo-lo dixeron, dígoo eu agora. Mercamos 26.630 metros cadrados de fraga, toda chea de carballos, castiñeiros, bidueiros, loureiros e moitas máis árbores. E agora ninguén vai cortalos, porque vou estar eu vixiándoos e como se achegue a eles alguén cunha motoserra, vai saber quen son eu.
Tamén hai unha parcela que ten eucaliptos. A min non me gustan nada, porque os eucaliptais non dan acubillo a tantas plantas e animais coma as fragas. Eu non sabía para que a querían, pero me dixeron que van cortar tódolos eucaliptos e logo plantar carballos e castiñeiros. Así os animais do bosque terán landras e castañas que comer. Se cadra aínda podedes axudar a plantalos. ¿Animádesvos? Pero será para o próximo ano, porque xa é tarde para facelo.

Non, non colleron un avión ou un barco para facer turismo por Galicia. Tampouco nadando, que o océano é moi grande para cruzalo a nado. Entón, ¿como foi? Pois resulta que os trouxeron para crialos en granxas.
Non pensedes que os criaban para logo vendelos como mascotas. Non, foi para outra cousa. Dáme arrepíos soamente de pensalo. Os criaban para logo sacarlles o pelexo e facer abrigos de visón. ¡Mira que hai xente ben bruta! Como alguén queira facer un abrigo co meu pelexo voulle dar unha trabada que vai acordarse toda a súa vida.
O caso é que fixeron moitas granxas para crialos. Claro que, como se fixeron tantas, pouco tempo despois sobraban e os donos arruináronse. Como non sabían que facer con tantos visóns, algúns propietarios ceibáronos.
Noutros casos entrou xente de noite, a escondidas, para liberalos. É xente á que non lle gusta que maltraten ós animais. Pero en vez de levalos para América, deixáronos que escaparan. ¡E fixeron unha ben boa! Aínda foi peor o remedio que a enfermidade, porque a meirande parte destes visóns escapados morreron ós poucos días. Afeitos a vivir nunha gaiola e recibir a comida ás horas que lles tocaban, non sabían vivir no monte e cazar a súa mantenza, e morrían coa fame. Outros, acostumados a que os encargados lles deran de comer, non tiñan medo de nada. Metíanse nas casas sen ter en conta os seus donos e os cans que as gardaban, ou cruzaban as estradas sen mirar se viñan coches.

Andaban por todas partes. Mataban galiñas e dixeron incluso que algún gato. Aparecían mortos nas estradas, e cando alguén quería coller algún que quedaba vivo, revirábanse e trababan. Un deles entrou na casa. Daquela, Fusco e Lía patrullaban a finca a cada pouco e xa tiñan un camiño feito pola beira de tanto andar. Se tomaban moi en serio o seu traballo de vixiantes. Así que, en canto entrou o visón, vírono e foron tras del. Pero o visón escapou pola sebe correndo até que se escondeu nun burato que había no cemento da canceira. Alí non podían collelo nin Fusco nin Lía, porque o cemento está moi duro para escarvar coas poutas.
Entón foron chamar por xente, a ver se podían axudalos. Pero nada, non había maneira de sacalo de aquel refuxio. Así que a xente da casa decidiu cazalo facendo unha trampa e poñéndolle comida para atraelo.
A Fusco e máis a Lía non lles pareceu nada ben todo iso. O visón metérase na canceira, detrás da súa caseta. Non a usaban, porque a eles, como a min, gustáballes máis estar o pé das portas por se ven alguén. Pero era a súa caseta. E eles eran os responsables de que ninguén estraño entrara na finca. “Han pensar que pasamos todo o día durmindo e que non facemos o noso traballo. ¿E se lle traba a Gatony? Aínda han botarnos”, pensaban. E, aparte, non lles gustou nada que puxeran como cebo o seu penso: “¿Comerse a nosa comida? ¡Nin de broma!”, foi o que dixeron.
Entón decidiron argallar un plan. Pola mañanciña, cando toda a xente marchou a traballar, eles puxéronse a espiar o burato dende lonxe. De alí a un pouco o visón saíu para buscar algo de comer, avanzou pola sebe, sabendo que nela estaba protexido. De repente, apareceulle Fusco de fronte, e cando ía a baterse en retirada, Lía cortoulle o camiño. Ensinoulle os dentes, pero Lía é valente e non se botou atrás. Pegou uns brincos para escapar, pero Lía era moi áxil e o visón non tivo escapatoria.

Os visóns americanos fan moito mal na nosa bisbarra. Os poucos que sobreviviron daqueles miles que ceibaron atopan comida nas beiras dos ríos, das lagoas e do mar. Alí atrapan todo aquilo co que se cruzan: un ratiño aquí, unha musaraña alá, un paxariño despistado, ou os ovos dun parrulo que fixo un niño no chan. Non se libran nin sequera as rás.
As que peor o pasan son as aves acuáticas e mariñas. As primeiras, como a galiñola negra, fan os niños no borde da auga e están ó alcance do visón. Outras fan niños flotantes, como o mergullón pequeno, pero tampouco se libran de todo porque o visón sabe nadar moi ben e ás veces consigue atopalos. Tamén sofren as aves mariñas, porque as gaivotas e outras especies fan os niños no chan.
Máis adiante os visóns emparelláronse e comezaron a criar. Os seus fillos aprenderon a cazar dende pequenos, totalmente adaptados ó novo país dos seus pais. Agora están por todas partes. ¡Son o inimigo público número 1 nos ríos da nosa bisbarra! E non saben como desfacerse deles. Se nos adestraran a cazalos a uns cantos cans coma min, ¡non habían durar nada!
Xa sabedes a historia do visón americano. Agora unha nova pregunta. No álbum hai soamente dúas especies de aves que cazan pola noite. ¿A que non sabedes cales son? ¿E podedes dicirme algo máis delas? A ver: ¿En qué se diferencian? ¿Por onde andan? ¿Polas fragas ou preto das casas? ¿Qué é o que comen?
¡Até a próxima!

viernes, 10 de mayo de 2013
As Brañas de Sada
Hoxe visitamos unhas lagoas que temos na nosa vila. Fomos dando un paseo desde o colexio ata as Brañas de Sada.
Guiounos a visita Carlos Silvar, un gran coñecedor destes paraxes e integrante da Fundación Fragas do Mandeo. Grazas a el sabemos a importancia destes humedais, a súa orixe e a flora e fauna que podemos observar neles.
Cando chegamos vimos un depósito de lixo. Explicounos que non debemos tirar lixo en calquera lugar, que debemos levalo a un punto limpo.
Encontro cun ilustrador: Carlos Silvar.
Carlos Silvar é un dos mellores ilustradores
que temos en Galicia. Hoxe veu ao noso colexio a presentarnos o seu último
libro: O Carballo. Mostrounos as ilustracións do libro e foinos contando os
segredos da árbore máis maxestuosa e lonxeva da nosa terra. Algúns exemplares
mesmo chegan aos 900 anos.
Aprendimos moitas cousas sobre a importancia que ten preservar estas
árbores e os bosques que forman: as fragas.
Ao remate fíxonos unha bonita dedicatoria no
libro que temos no rincón Voz Natura da biblioteca do noso colexio.
jueves, 9 de mayo de 2013
Compra de fincas da Fundación Fragas do Mandeo.

O xoves 9 de maio, ás 16 horas, achegámonos a Betanzos para asistir á sinatura da escritura de adquisición de varias parcelas de monte na notaría de D. Óscar López Doval por Fragas do Mandeo.
A Fundación Fragas do Mandeo mercou un total de 26.630 m2. Da superficie total, 2.105 m2 foron os que se pagaron cos 318,50 € que xuntaron os alumnos do Colexio Sada y sus Contornos no rastrillo solidario realizado o Día do Libro para recadar fondos para a Fundación Fragas do Mandeo.
Na escritura de compra recóllese a contribución do noso centro:

Despois de rematar o acto de compra na notaría desprazamonos a Espenuca, onde poidemos observar o estado actual do mirador. Alí actuará a Fundación nos terreos adquiridos para recuperar o hábitat propio dese entorno. Co paso do tempo poderemos ir comprobando como o esforzo e contribución solidaria terán un efecto importante na conservación do medio ambiente.
Escritura de compra. Mención ao Colexio Sada y sus Contornos.
Nova na páxina web da Fundación Fragas do Mandeo.
miércoles, 8 de mayo de 2013
As preguntas de Dona.

¡Ola campións!
Xa me contaron como foi o do voso rastrillo no colexio. O martes pasado viñeron pola tarde os voluntarios de Fragas do Mandeo cunha caixa de galletas. Eu xa andaba a ver se me daban unha cando me dixeron que non eran galletas, que a caixa estaba chea coa morea de cartos que xuntastes no rastrillo.
Eu non sei contar cartos, pero din que chegan de sobra para mercar un monte. ¡Sodes os mellores! Eu faleilles dos que máis me gustan entre tódolos que teño visto. A ver se convencen ó dono para que nos venda un e poidamos ir a correr por el e ve-los bichos que alí viven.

Hoxe vou falarvos dun dos bichos que vive neses montes. Porque todo o mundo fala dos animais grandes e feros que saen nos documentais da televisión. Pero tamén hai animais pequeniños que están ameazados de extinción e dos que ninguén se lembra. Por iso, quero que coñezades a un destes bichos esquecido por todos. Chámase o caracol de Quimper.
O nome xa o di, é un caracol. Pero, ¡ollo!, non é un caracol calquera. Ten unha cuncha delgadiña, case transparente, de cor marrón con pintas negras. A cuncha dos máis grandes soamente chega ós tres centímetros de diámetro e diferénciase dos que andan polo xardín en que a ten plana.

E diredes, ¿por que lles chaman “de Quimper”?, que é un nome ben feo. Pois resulta que o primeiro que viron os científicos foi atopado nun concello francés que se chama Quimper. E aí lles quedou ese nome. ¡Que pouco orixinais son os científicos! Se o tiveran atopado en Espenuca, agora chamaríanlles caracol da Espenuca, que é un nome moito máis bonito.
Pois este caracoliño, a pesares de tomar tódalas precaucións para que non o collan, está ameazado. ¿Por qué? Pois porque soamente vive nas fragas frescas e húmidas onde medran carballos, castiñeiros e outras árbores do país que no outono perden a folla. A estas árbores chámanlles “caducifolias”, que é a maneira fina de dicir que lles cae a folla, para diferencialos dos que teñen folla todo o ano, coma os piñeiros. Comen fungos que medran na madeira podre que hai nestes bosques. E como cada vez quedan menos fragas de bosque autóctono, pois tamén menos caracois de Quimper.
Mirade que poucos quedan que soamente os hai en tres países. Aparte de Galicia, viven no norte de Portugal e de España (Asturias, Cantabria e País Vasco), e na Bretaña francesa. Non é un capricho que vivan nestes sitios, se non que foi por unha cousa que pasou hai moitos miles de anos.
Naquel tempo o mundo estaba cuberto de neve e xeo: era o período das glaciacións. Os animais eran grandes e con moito pelo para se defenderen do frío, como o mamut lanudo, o perezoso xigante ou o tigre de dentes de sabre. Pero isto xa o sabedes porque vistes a película Ice Age e coñecedes a Manfred, Sid e Diego.

Co frío apenas chovía, porque soamente caía neve, os ríos conxelábanse e non chegaba a auga ó mar. O seu nivel era tan baixo, que se vivíramos naquela época podiamos ir en bicicleta dende Sada até Ferrol en liña recta, porque o mar estaba lonxe e todo o seu fondo quedaba á vista. Os ríos que vemos hoxe, desembocaban a moita distancia de onde o fan agora e nas súas beiras medraban as árbores baixo as que vivía o noso protagonista.
Toda aquela extensión de terra era un país que hoxe xa non existe. Chegaba dende o norte de Portugal até Francia. Nel vivía o caracol de Quimper. Pero cando remataron as glaciacións e o xeo se derreteu, o mar empezou a subir e inundar todo ese país. Os caracois tiveron que marchar e puxéronse a andar pola beira dos ríos. Así chegaron algúns a Chelo e ó monte da Espenuca, onde agora viven os seus descendentes. Os que tiraron para o este chegaron a Bretaña, que está en Francia.
Un parente deles, a lesma de pencas, tamén veu para a nosa comarca. Pero outras, en vez de acompañar os caracois de Quimper no camiño cara a Francia, marcharon ó norte e agora os seus descendentes viven nunha rexión de Irlanda.
Xa non quedan mamuts lanudos, nin perezosos xigantes, nin tigres de dentes de sabre. Pero foi un animaliño tan pequeniño e lento coma o caracol de Quimper quen foi capaz de escapar do desxeo e da subida do nivel do mar, adaptándose ó novo clima. Por iso é tan importante conservalos, porque nos recordan que os máis rápidos e fortes non son sempre os que saen gañando.
E no monte que imos mercar, eu sei que hai caracois de Quimper e habemos de buscar as lesmas de pencas. Por iso sodes uns campións, porque grazas ó voso rastrillo imos conservar para sempre un monte onde van a vivir sen que ninguén os moleste.
Agora a pregunta: Entre tódalas especies exóticas invasoras que aparecen no álbum, ¿cal é a máis fera de todas? ¿Sabedes como chegou á nosa bisbarra e os problemas que provoca? Se me acertades coas respostas, contareivos a historia de cando Lía se enfrontou a un deles.
¡Até a próxima!

martes, 7 de mayo de 2013
Murais Voz Natura
Os nenos e nenas de 1º ciclo de educación primaria fixeron dous fermosos murais relacionados co proxecto Voz Natura que estamos levando a cabo este curso.
Noraboa.
Noraboa.
jueves, 2 de mayo de 2013
Completa o teu álbum de cromos
Se non completache o álbum de cromos de Voz Natura, en maio podes facelo.
Ven á biblioteca: leva un libro e escolle un cromo dos que che falten.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)