
¡Ola campións!
Xa me contaron como foi o do voso rastrillo no colexio. O martes pasado viñeron pola tarde os voluntarios de Fragas do Mandeo cunha caixa de galletas. Eu xa andaba a ver se me daban unha cando me dixeron que non eran galletas, que a caixa estaba chea coa morea de cartos que xuntastes no rastrillo.
Eu non sei contar cartos, pero din que chegan de sobra para mercar un monte. ¡Sodes os mellores! Eu faleilles dos que máis me gustan entre tódolos que teño visto. A ver se convencen ó dono para que nos venda un e poidamos ir a correr por el e ve-los bichos que alí viven.

Hoxe vou falarvos dun dos bichos que vive neses montes. Porque todo o mundo fala dos animais grandes e feros que saen nos documentais da televisión. Pero tamén hai animais pequeniños que están ameazados de extinción e dos que ninguén se lembra. Por iso, quero que coñezades a un destes bichos esquecido por todos. Chámase o caracol de Quimper.
O nome xa o di, é un caracol. Pero, ¡ollo!, non é un caracol calquera. Ten unha cuncha delgadiña, case transparente, de cor marrón con pintas negras. A cuncha dos máis grandes soamente chega ós tres centímetros de diámetro e diferénciase dos que andan polo xardín en que a ten plana.

E diredes, ¿por que lles chaman “de Quimper”?, que é un nome ben feo. Pois resulta que o primeiro que viron os científicos foi atopado nun concello francés que se chama Quimper. E aí lles quedou ese nome. ¡Que pouco orixinais son os científicos! Se o tiveran atopado en Espenuca, agora chamaríanlles caracol da Espenuca, que é un nome moito máis bonito.
Pois este caracoliño, a pesares de tomar tódalas precaucións para que non o collan, está ameazado. ¿Por qué? Pois porque soamente vive nas fragas frescas e húmidas onde medran carballos, castiñeiros e outras árbores do país que no outono perden a folla. A estas árbores chámanlles “caducifolias”, que é a maneira fina de dicir que lles cae a folla, para diferencialos dos que teñen folla todo o ano, coma os piñeiros. Comen fungos que medran na madeira podre que hai nestes bosques. E como cada vez quedan menos fragas de bosque autóctono, pois tamén menos caracois de Quimper.
Mirade que poucos quedan que soamente os hai en tres países. Aparte de Galicia, viven no norte de Portugal e de España (Asturias, Cantabria e País Vasco), e na Bretaña francesa. Non é un capricho que vivan nestes sitios, se non que foi por unha cousa que pasou hai moitos miles de anos.
Naquel tempo o mundo estaba cuberto de neve e xeo: era o período das glaciacións. Os animais eran grandes e con moito pelo para se defenderen do frío, como o mamut lanudo, o perezoso xigante ou o tigre de dentes de sabre. Pero isto xa o sabedes porque vistes a película Ice Age e coñecedes a Manfred, Sid e Diego.

Co frío apenas chovía, porque soamente caía neve, os ríos conxelábanse e non chegaba a auga ó mar. O seu nivel era tan baixo, que se vivíramos naquela época podiamos ir en bicicleta dende Sada até Ferrol en liña recta, porque o mar estaba lonxe e todo o seu fondo quedaba á vista. Os ríos que vemos hoxe, desembocaban a moita distancia de onde o fan agora e nas súas beiras medraban as árbores baixo as que vivía o noso protagonista.
Toda aquela extensión de terra era un país que hoxe xa non existe. Chegaba dende o norte de Portugal até Francia. Nel vivía o caracol de Quimper. Pero cando remataron as glaciacións e o xeo se derreteu, o mar empezou a subir e inundar todo ese país. Os caracois tiveron que marchar e puxéronse a andar pola beira dos ríos. Así chegaron algúns a Chelo e ó monte da Espenuca, onde agora viven os seus descendentes. Os que tiraron para o este chegaron a Bretaña, que está en Francia.
Un parente deles, a lesma de pencas, tamén veu para a nosa comarca. Pero outras, en vez de acompañar os caracois de Quimper no camiño cara a Francia, marcharon ó norte e agora os seus descendentes viven nunha rexión de Irlanda.
Xa non quedan mamuts lanudos, nin perezosos xigantes, nin tigres de dentes de sabre. Pero foi un animaliño tan pequeniño e lento coma o caracol de Quimper quen foi capaz de escapar do desxeo e da subida do nivel do mar, adaptándose ó novo clima. Por iso é tan importante conservalos, porque nos recordan que os máis rápidos e fortes non son sempre os que saen gañando.
E no monte que imos mercar, eu sei que hai caracois de Quimper e habemos de buscar as lesmas de pencas. Por iso sodes uns campións, porque grazas ó voso rastrillo imos conservar para sempre un monte onde van a vivir sen que ninguén os moleste.
Agora a pregunta: Entre tódalas especies exóticas invasoras que aparecen no álbum, ¿cal é a máis fera de todas? ¿Sabedes como chegou á nosa bisbarra e os problemas que provoca? Se me acertades coas respostas, contareivos a historia de cando Lía se enfrontou a un deles.
¡Até a próxima!

Eu creo que unha das especies que causan moitos problemas é o cangrexo "rojo" americano, que ven de México e chegou á península porque querían vendelos para comer.
ResponderEliminarEste cangrexo é portador dun hongo que pode matar aos cangrexos de Galicia.
Diego, 5º curso.