¡Ola a todo o mundo!
Xa vexo que sabedes navegar por Internet e atopa-lo que vos interesa. Efectivamente, acertastes coa resposta: Son a mascota de Fragas do Mandeo porque nacín pretiño do río Mandeo, en Muniferral, no concello de Aranga. E nacín xusto a véspera de que se creara Fragas do Mandeo.
O meu pai é un boieiro de Berna grandísimo e a miña nai unha pastora alemá moi espelida. Xa que logo, o meu pai é un pastor de vacas e a miña nai unha pastora de ovellas. Pero a min o que me gusta é correr polo monte e abúrreme moito andar a mirar polas vacas e as ovellas: ¡En todo o día non fan outra cousa que comer! Por iso eu escollín a profesión de can gardabosques.
Hoxe vou presentarvos á miña amiga Maki Rabuda. Coñecina hai pouco máis dun ano. Eu ía con Lía polo monte cando a atopei nunha cuneta toda engruñada. Estaba cun seu irmá, branco e de ollos azuis, pero escapou cando nos veu. Maki non tiña medo de nós: o que tiña era que estaba tan morta de fame que nin forzas lle quedaban para escapar. Así que puxémonos a falar con ela e lle dixemos se quería vir a vivir á nosa casa, porque con tanto raposo no monte, alí non estaba segura.
Ó principio non xogaba con nós, estrañaba a súa familia e non coñecía a casa. Tampouco se librou de ter que ir ó veterinario. Pero agora, como é a máis pequeniña da casa, fai o que quere. Porque Maki é unha gata moi travesa. Igual estou durmindo e ven ás agachadas a trabarme no rabo e logo escapar correndo. Ou vou tan tranquila e na volta dunha esquina aparece de súpeto e se lanza coas súas poutas por diante a trabarme no fociño. Pero eu tamén lle boto unhas boas carreiras: en campo aberto non me gaña e ten que subirse a unha árbore coma se fora un esquío. Pero somos boas amigas e sempre ando con tino de non mancala.
A pregunta de hoxe é a seguinte. Se Maki vivía no monte, ¿por qué non é ungato montés?
No hay comentarios:
Publicar un comentario