¡Ola rapaces!
Recibín un lote de respostas acertadas. ¡Seica estades moi ben informados! Aínda que a Maki non lle guste dicilo, porque é moi orgullosa, realmente é unha gata doméstica abandonada no monte co seu irmán, cando eran pequeniños.
Os verdadeiros gatos monteses son moi difíciles de atopar. Cando notan que se achega alguén, foxen silandeiros sen que ninguén se decate. E as nais coidan moi ben dos seus fillos, escondéndoos onde ninguén os atope. Podedes ver algunhas fotos neste enlace.
Ademais, para que Maki se parecera de todo a un gato montés tiña que ser moito mais corpulenta. Aínda que ten a cola con aneis e a punta negra como un gato montés, para ser igual que a deles tería que ser máis gorda e peluda. E tamén lle falta a raia negra ó longo de todo o lombo. Aparte de que, se nos fixamos ben, Maki ten algunhas manchas amarelas que non son propias dun verdadeiro gato montés.
Así que, por moi chuliña que se poña, Maki Rabuda non é máis cunha gata doméstica. Xa me gustaría a min vela cando se cruzase cun auténtico gato montés. ¡Co medo que ía coller, ía vir correndo a xunta min para que a defendese!
Non sei vós, pero eu levo uns días aburrida de que non pare de chover. ¡Xa teño gañas de volver a correr polo monte! A Maki non lle importa: pasa todo o día durmindo. Sóbese a un sillón preto do radiador e, ¡ale!, a durmir até a hora de comer. E, ¡ollo!, que ninguén a moleste.
Mentres non mellora o tempo, para non aburrirnos vou poñervos unha nova pregunta da que teredes que investigar a resposta. Moita xente cre que hai que esperar á primavera para ver flores, pero non é certo. De feito, neste tempo xa hai varias árbores en flor. Moitas delas pasan desapercibidas, porque teñen flores pouco vistosas, como a abeleira. Pero hai unha que destaca entre todas polas súa floración espectacular.
Así que a pregunta de hoxe é: ¿Cal é a árbore de flores amarelas que xa está en flor? Dareivos un par de pistas: ven no álbum e trátase dunha especie exótica invasora.
Até a próxima.
No hay comentarios:
Publicar un comentario