As preguntas de Dona

¡Ola rapaces!
Desta vez fostes moitos os que vos animastes a contestar. Ninguén acertou cantas bolsas recollemos. Foron unha e media, porque como imos de cando en vez, non se xunta moito lixo.
No resto das preguntas todos estades de acordo. Pero aínda que xa hai leis que prohiben ciscar lixo no monte, tamén é certo que non se pode poñer un policía escondido detrás dunha árbore en cada esquina para vixiar todo o día quen é o que tira lixo e quen non.


- Primeiro, dar exemplo e non tirar nada cando saiamos ó campo.
- Segundo, concienciar ós que van connosco de que tampouco tiren lixo.
- Nas excursións, levar algunhas bolsas grandes e organizarse entre todos para reparti-lo traballo de ir collendo todo o que atopemos polo camiño. Así, tralo noso paso, a ruta quedará máis limpa do que estaba, e volveremos a casa orgullosos de ter feito algo pola natureza.
- Cando vexamos a alguén botar lixo, afearlle a conduta e denuncialo ante as autoridades se non deixa de facelo.
Este sábado volvín á lagoa de Sobrado, aproveitando que facía un día estupendo. Desta vez fomos no coche algo apertados, porque viñeron tamén Lía e tres voluntarios, ademais de que levamos moitas ferramentas.
Imos facer varios amaños no observatorio. Primeiro, temos que reparar as escaleiras, porque algún vándalo rompeunas. Eu podo subir dun chimpo, pero Lía vai un pouco velliña e non é capaz de entrar.
Tamén imos poñer dentro un par de carteis. Antes había un fóra, onde aparecían debuxos de tódalas aves que poden verse na lagoa. Pero alguén escachouno. Así que imos poñer un novo, xa dentro do observatorio. Así, cando unha persoa estea mirando os parrulos e non coñeza algún, pode buscalo no cartel e identificalo.

Outro traballo que temos que facer é modificar unha das fiestras. O que fixo o observatorio non pensou na xente cativa. Tódalas fiestras están demasiado altas para os cativos. Incluso persoas altas non poden usa-los seus telescopios. Así que imos poñer un pouco máis baixa unha das tres fiestras.

Cando estabamos rematando de face-las medicións, chegou un señor coa súa muller e un cativiño. Eu non o coñecía, pero achegueime a el e presentáronmo. Era un experto ornitólogo que viña a ver os parrulos da lagoa. Chámase Antonio Sandoval e escribiu un libro que se titula ¿Para qué sirven las aves?. Se aínda non sabedes para qué serven, cando medredes tedes que lelo. E vos conto todo isto para que vexades que a lagoa de Sobrado é un espazo natural importante.

Até a próxima.

No hay comentarios:
Publicar un comentario