
¡Ola rapaces!
Xa vexo que a última vez que vos escribín estabades tan emocionados coa idea de ir a Chelo para coñecerme e visitar as fragas do Mandeo que nin vos parastes a contestarme. ¿Ou é que non sabiades que animal e dúas veces animal?
Sexa polo que sexa vou contestarvos a adiviña: Pois é Maki Rabuda, porque é gato e máis araña. Cando xoga comigo non ten conta de que ten unhas uñas ben afiadas e moitas veces rabúñame sen querer.



Agora xa sabedes porque non fun capaz de subir polo piñeiro tras do esquío que vimos en Chelo. Se tivera unhas uñas como as de Maki veriades un can escalador en acción.
Pero non vos queixedes. A pesares do barullo que faciades, xa vistes que eu estaba moi atenta a todo. Tiña que andar para arriba e para abaixo mirando que non se perdera ninguén, esquivando os que non deixaban de sobarme. E aínda así puiden sentir e ulir o esquío. A pesares de que estaba ben escondido, souben sacalo do seu agocho para que o virades subir polo piñeiro.

Cando chegamos á casa, atopamos a Maki nada máis entrar. Como anda toda a noite de esmorga, tiña sono e frío, e se puxera a durmir ó sol. ¡Non pega golpe! Así que Lía e máis eu, que estabamos ben cansas por facer toda a mañá de guías, deitámonos tamén a botar unha boa sesta.

Á noite presentámolo noso informe:
- Ninguén se perdeu, a pesares de que erades 60 alumnos que non parabades.
- Identificamos moitas plantas en flor: cáncaros, violetas, anémonas, lúzulas e tres clases de amarelles, incluso un deles ameazado: o Narcissus cyclamineus.
- Tamén identificamos un arbusto en flor, aínda que moitos dinlle árbore: a abeleira.
- Vimos un esquío agachando polas árbores e un pobre teixugo que afogou no río.
- Entre as especies exóticas invasoras, unha árbore, a acacia de madeira negra, e unha planta, a crocosmia.
- E recollemos un montón de lixo.

E agora un par de preguntas moi sinxelas:
¿Qué é o que máis vos gustou da excursión a Chelo?
¿Queredes que vos guíe a algún outro sitio?
¡Até a próxima!

No hay comentarios:
Publicar un comentario