domingo, 21 de abril de 2013

Día do libro. Rastrillo solidario

O 23 de abril celébrase o Día do Libro e con tal motivo queremos organizar un rastrillo solidario no Colexio de educación infantil e primaria Sada y sus Contornos.
Programa Voz Natura: Custodia do territorio e biodiversidade
Neste curso estamos levando a cabo o proxecto “Custodia do territorio e biodiversidade” dentro do programa Voz Natura da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, que nos concedeu unha axuda para adquisición de materiais e para algunhas das viaxes realizadas. Máis información: http://www.voznatura.com  
As actividades que levamos a cabo no colexio dentro do proxecto “Custodia do territorio e biodiversidade” pódense seguir a través do blogue: http://voznaturasada.blogspot.com.es/
Fundación Fragas do Mandeo
Neste proxecto contamos coa constante colaboración da Fundación Fragas do Mandeo,  (http://www.fragasdomandeo.org/ ) unha entidade de custodia do territorio que ten como fin a preservación da biodiversidade na comarca coruñesa de As Mariñas. Coa adquisición de fincas de interese ambiental mediante compra, doazón ou legado, e a través de acordos cos propietarios de parcelas, baixo aluguer ou cesión temporal, busca conserva-los espazos naturais desta comarca.
Dentro deste proxecto temos previsto realizar un rastrillo solidario con achegas de libros por parte das familias e do centro para poñelos á venta o día 23 de abril. A recadación da venta dos libros destinarase á Fundación Fragas do Mandeo para colaborar na adquisión de fincas para a custodia do territorio.
Colaboración das familias
Para levar a cabo esta actividade solicitamos a colaboración das familias coa aportación de libros de literatura infantil e xuvenil e tamén de temática ambiental ou sobre a Natureza.
Rastrillo solidario
O rastrillo estará no ximnasio de 12,15 a 13,30 horas, para que os alumnos do centro poidan mercar libros. De 13,30 a 14,00 horas e pola tarde, de 16 a 17 horas, abrirase para as familias e público en xeral. No horario de tarde estarán tamén no centro representantes da Fundación Fragas do Mandeo que atenderán aos interesados en colaborar con esta entidade e informarse sobre as súas actividades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario