Esta pregunta podes atopala neste enlace: http://www.fragasdomandeo.org/voz-natura/

¡Ola rapaces!
Xa vexo que moitos de vós queredes volver a facer excursións polas fragas do río Mandeo e percorrer tódolos seus camiños. Se vos dan permiso, eu estarei encantada de guiarvos.
Hoxe teño unha boa noticia e outra mala. Deixarei a mala para o final porque non teño moitas gañas de falar dela.
A boa noticia é que hai quince días mercamos dúas parcelas. Unha delas está na beira do río Mandeo, cerca de Chelo. A outra está no cumio do monte da Espenuca, que é o que lle fai sombra a Chelo, e dende el vese toda a bisbarra.

O voso director díxome que o martes día 23 ides a celebrar o día do libro facendo no colexio un rastrillo onde venderedes libros. E tamén me falou de que cos cartos ides mercar algún monte para que o conserve Fragas do Mandeo. A min paréceme unha idea estupenda. Aínda máis, xa lle teño botado o ollo a varios que me gustan moito. Así que tedes que vender unha morea de libros.
A verdade, eu non entendo porqué vos gustan os libros. Eu non lles vexo nada interesante. Teñen follas, pero non son tan bonitas coma as dos árbores. Todas olen igual, van xuntiñas e teñen a mesma forma. As dos árbores olen a moitas cousas e están tan ceibas que cando hai vento escapan das árbores e van de paseo polo monte.
A min póñenme unha grande debaixo do prato da comida para que aprenda a ler. Pero ten as letras tan pequenas e xuntas que non as podo ulir de unha en unha porque se lles mestura o olor. ¿Como vai unha a aprender así a ler? Se aínda puxeran unha letra en cada folla, podía ir ulindo cada unha e saber o que está escrito. Así que nunca leo cando como.

Chegaran o pé dun vertedoiro de lixo ilegal que había no monte. Mandáronlles quedar sentados a distancia. Lía non entendía o motivo, pero Fusco díxolle que naqueles sitios había cristais rotos e podían corta-los pés, que xa lle pasara a el unha vez. O que os acompañaba acercouse a inspeccionar, pois levaba botas. E alí veu un libro tirado, no medio do lixo, todo mollado e xa medio desfeito. Mirouno ben, abriuno e viu que tiña unhas follas con letras vermellas e outras con letras verdes. De cando en vez algún debuxo. Lía dixo que se puxera triste e non falara nada no camiño de volta. Cando chegaron á casa falou alporizado. “Mira que hai analfa-burros neste país”, dixo enfadado. “A primeira edición en castelán da historia interminable no lixo. ¿E non haberá bibliotecas onde deixalo se non o queres?”. Pregunteille a Lía que quería dicir con todo iso, pero non soubo contestarme.
Eu tampouco o dou entendido. Se o libro contaba unha historia e a historia era interminable, ¿cantas follas tiña o libro? ¿E quen escribiría ese libro? Digo eu que sería un vello moi velliño, porque unha historia tan longa tárdase moito en escribila. ¿E por que tiña unhas follas en vermello e outras en verde? E se era tan importante, ¿non podían recollelo e poñelo a secar?

Lía di que en todos eses libros fálase de nós, de cómo hai que facer para entendernos e ensinarnos cousas. E digo eu, ¿e non sería máis fácil que nos preguntaran o que quixeran saber? ¡Mira que se complica a vida a xente!
En fin, o dito, vós vendede moitos libros. ¡A ver se podemos mercar un monte ben grande!
E agora vai a mal noticia. Xa vos dixen que a Maki gustáballe durmir todo o día e logo andar de varanda pola noite. Pero da última non volveu. Atopárona pola mañanciña na estrada, baixo a choiva. Digo eu que tivo que ser que a cegou un coche e non puido zafarse. Porque a min ben que me esquivaba cando corría tras ela. ¡Quen lle mandaría ir tan lonxe de casa soa! Pero é que sempre foi moi aventureira. Xa de pequena agachaba polas árbores aínda que estiveran as pegas berrándolle ameazadoramente por andar cerca do seu niño. Ou cando subiu ó tellado da casa e andouno todo, sen medo de caer ou que lle viñera unha rapina e a levara. ¡Non se decata unha do que vai estrañar a unha amiga até que a perde!

As miñas preguntas de hoxe son moi sinxelas. Dixéronme que para conseguir cromos para o álbum tiñades que pedir un libro na biblioteca. ¿Cantos libros levades lido neste curso? Porque, ¿non faredes trampas e colleredes os libros para que vos dean os cromos e logo non os ledes? ¿Qué clase de libros vos gustan?
¡Até a próxima!

No hay comentarios:
Publicar un comentario