
¡Ola rapaces!
Xa vexo que a última vez que vos escribín estabades tan emocionados coa idea de ir a Chelo para coñecerme e visitar as fragas do Mandeo que nin vos parastes a contestarme. ¿Ou é que non sabiades que animal e dúas veces animal?
Sexa polo que sexa vou contestarvos a adiviña: Pois é Maki Rabuda, porque é gato e máis araña. Cando xoga comigo non ten conta de que ten unhas uñas ben afiadas e moitas veces rabúñame sen querer.
Os gatos domésticos e os monteses son da familia dos felinos, na que teñen parentes famosos por todo o mundo, como o leopardo ou o tigre. Todos eles teñen uñas retráctiles. ¿E que quere dicir esa palabra? Pois que as poden gardar ou sacar a vontade. Así non as dan gastado, as teñen sempre afiadas de todo e poden subir ás árbores.
Os que somos da familia dos cánidos, como os cans, lobos e raposos, non temos as uñas retráctiles e sempre están á vista. Cando corremos cravamos as uñas na terra, do mesmo xeito que fan os futbolistas cos tacos das súas botas, e por iso témolas gastadiñas e non rabuñan como as dos gatos.
¿E sabedes qué felino non ten as uñas retráctiles? Pois o guepardo. ¿E por qué? Porque caza as súas presas como os galgos, correndo a todo meter tras elas, chegando a acadar velocidades de 100 quilómetros por hora. Xa que logo, precisa unhas uñas como as nosas.Agora xa sabedes porque non fun capaz de subir polo piñeiro tras do esquío que vimos en Chelo. Se tivera unhas uñas como as de Maki veriades un can escalador en acción.
Pero non vos queixedes. A pesares do barullo que faciades, xa vistes que eu estaba moi atenta a todo. Tiña que andar para arriba e para abaixo mirando que non se perdera ninguén, esquivando os que non deixaban de sobarme. E aínda así puiden sentir e ulir o esquío. A pesares de que estaba ben escondido, souben sacalo do seu agocho para que o virades subir polo piñeiro.
E isto non é nada. Porque, cando imos nós solos, andamos ben caladiños, e así podemos ver corzos, raposos e moitos paxaros que viven nas fragas do Mandeo.Cando chegamos á casa, atopamos a Maki nada máis entrar. Como anda toda a noite de esmorga, tiña sono e frío, e se puxera a durmir ó sol. ¡Non pega golpe! Así que Lía e máis eu, que estabamos ben cansas por facer toda a mañá de guías, deitámonos tamén a botar unha boa sesta.

Á noite presentámolo noso informe:
- Ninguén se perdeu, a pesares de que erades 60 alumnos que non parabades.
- Identificamos moitas plantas en flor: cáncaros, violetas, anémonas, lúzulas e tres clases de amarelles, incluso un deles ameazado: o Narcissus cyclamineus.
- Tamén identificamos un arbusto en flor, aínda que moitos dinlle árbore: a abeleira.
- Vimos un esquío agachando polas árbores e un pobre teixugo que afogou no río.
- Entre as especies exóticas invasoras, unha árbore, a acacia de madeira negra, e unha planta, a crocosmia.
- E recollemos un montón de lixo.
E agora un par de preguntas moi sinxelas:
¿Qué é o que máis vos gustou da excursión a Chelo?
¿Queredes que vos guíe a algún outro sitio?
¡Até a próxima!







Así que podemos facer varias cousas:
Ademais imos poñer outro explicando a historia da lagoa. Porque pouca xente sabe que é artificial. Construírona os monxes do mosteiro de Sobrado hai 500 anos. Hoxe parece talmente un lago natural, de tanta vexetación e tantas aves que alí hai.
Eu estiven dirixindo todo o traballo de medición e toma de datos, así que non collín ningunha ferramenta. Non é que sexa unha lacazana. Vou a contarvos unha historia para explicárvolo. Un día, cando soamente tiña 10 meses, caeu unha gran nevarada. Lía non quería xogar porque tiña frío e quedouse todo o día na súa caseta. Como daquela eu aínda non sabía o que quería ser, estaba pensando en facerme carpinteira. Así que collín un taladro no garaxe e fun afora para estudalo. Conseguín sacalo da caixa, pero custoume e quedou rota de todo. Logo púxenme a mirar como funcionaba e, como non o daba entendido, tentei desmontalo. O caso é que cando viron o que estaba a facer me dixeron que non tocara ningunha ferramenta, e que non necesitaba andar co taladro porque eu ía ser un can gardabosques. Así que agora eu soamente me dedico a dirixi-los traballos e nunca toco unha ferramenta. ¡Son a xefa!
A pregunta que vos vou facer desta vez ten que ver cos carteis. Como xa sabedes polo álbum, nos ríos e lagoas hai especies animais invasoras que danan moito o ecosistema. Eu quería poñer no cartel un aviso de que non se debe ceibar na lagoa ningunha especie exótica invasora. ¿Parécevos ben? ¿Qué debuxos de especies animais invasoras hai que poñer no cartel? ¿Qué outras cosas poñeriades?